Sunday 19 de May de 2024

O número de mulleres en postos de alta responsabilidade na Xunta supera por primeira vez ao de homes


A presenza feminina xa supera á masculina en subdireccións e xefaturas de servizo, os postos de maior nivel na carreira funcionarial

O número de mulleres que ocupan postos de alta responsabilidade na Xunta de Galicia supera por primeira vez ao de homes, segundo reflicten os últimos datos oficiais recompilados pola Dirección Xeral da Función Pública.

Na Administración autonómica, a presenza feminina xa supera á masculina en subdireccións xerais e xefaturas de servizo, que son os postos de maior nivel na carreira funcionarial. En concreto, das 1.024 persoas que ocupan estes postos na Xunta de Galicia, o 52% son mulleres e os 48% son homes.

A presenza de mulleres é maioritaria tanto nas subdireccións xerais (51,9%) como nas xefaturas de servizo (52,7%). Estes datos ratifican o cambio de tendencia rexistrado na Administración galega nos últimos anos, nos que a presenza de mulleres nos postos de máximo nivel é cada vez maior e en postos de máis responsabilidade.

Ademais, a presenza da muller xa é maioritaria no conxunto das 86.382 persoas empregadas na Administración Autonómica. Segundo os datos da Dirección Xeral da Función Pública, sete de cada dez persoas que prestan servizo na Xunta de Galicia son mulleres, xa que hai 60.299 mulleres e 26.083 homes.

Así, a porcentaxe de mulleres no conxunto da Administración galega segue medrando de xeito progresivo ao longo dos últimos anos. Na actualidade o emprego feminino supón o 69,8% da Xunta de Galicia, mentres que en 2009 esta porcentaxe era do 67,3%.

En todos os ámbitos
A presenza maioritaria da muller na Administración autonómica non se limita a unha área concreta, senón que supera á masculina en todas os ámbitos de actuación da Xunta de Galicia. Por exemplo, no eido das institucións sanitarias o número de mulleres na Administración galega representa o 76% do total do persoal.

A presenza feminina tamén supera o 70% do total no eido educativo (70,2%) e no ámbito da xustiza (71%). Fóra destes ámbitos a presenza feminina tamén é maioritaria, xa que o número de mulleres en consellerías e organismos autónomos alcanza o 56% do total.